'Sempre sentín fascinación polas estruturas fugaces'

Categoría: Nova

A semana pasada abríase a plica que recoñecía como gañador do premio Repsol de Narrativa Breve a Fernando Díaz-Castroverde pola súa obra 'Microbios e outros paquidermos'.
Con el mantivemos unha animada conversa que reproducimos aquí.

-Vostede era coñecido como poeta e esta obra será o seu debut na narrativa. Como é iso de debutar cun premio destas características?
-Pois é un honor, xa que, efectivamente, ata agora só tiña contacto coa poesía e, dalgún xeito, o premio supón un recoñecemento e unha reafirmación para min no camiño narrativo que agora comezo. É, tamén, un orgullo recibir o galardón por parte dun xurado tan cualificado como foi o que me correspondeu en sorte.
-Por que se decidiu polos microrelatos?
-O microrrelato é un xénero narrativo que, no meu criterio, ten certas concomitancias coa poesía na que tamén se procura un máximo efecto a partir dun mínimo contido. Elementos como a trascendencia, a ironía, o poder evocativo da palabra…é común a ambos xéneros e eu atópome moi cómodo nese rexistro. Esa foi, amais da fascinación que desde sempre sentín por esta estrutura fugaz, a razón da miña escolla.
-Polo que imos lendo na prensa, e polo que comentou algún membro do xurado, é un libro para pensar…
-Si, é un libro para pensar. Como traballamos cun texto reducido, é frecuente neste ámbito narrativo que sexa o lector-receptor quen, ao final, teña que pechar ese círculo que nós abrimos ou esbozamos. A participación do lector-confidente é definitiva nos meus textos.
-O xurado tamén valorou a ironía. Que papel xoga esta na súa literatura?
-A ironía tamén axuda a aforrar palabras, é un mecanismo de economía lingüística e, efectivamente, acae moi ben no universo dos microrrelatos. Amais resulta unha "arma de defensa" moi axeitada para o escritor.
-Hai moi pouca produción de narrativa hiperbreve na nosa literatura. Por que cre que pasa isto?
-Pois a verdade non o sei, pero o certo é que non hai demasiados exemplos no noso sistema literario e noutros si ten un amplo percorrido. En todo caso xa empeza a haber representantes e certames literarios ultralixeiros por aí, no mercado, que redundarán nunha escola neste dominio do hiperbreve.
-Dígame un motivo polo que paga a pena ler o seu libro
-Creo que como é un amplo conxunto de 120 microtextos ou bonsais de letras, calquera pode atopar algún no que se sinta representado. Por outra parte a microfición é un territorio con moito aproveitamento técnico e tamén pedagóxico e o lector atoparase cómodo con moito espazo en branco para opinar. Espero que sexa do agrado de todos/as os meus futuros lectores.

Comparte nas túas redes sociais ou por email