Fernández del Riego recolle o Premio Blanco Torres "máis merecido"

Categoría: Nova

Del Riego agradeceu o recoñecemento que este galardón supón aos artigos que asinou o ano pasado, destacou que foi precisamente nas páxinas do xornal que Blanco Torres dirixiu en Pontevedra onde publicou as súas primeiras liñas xornalísticas, hai xa 75 anos.
Estes primeiros traballos, marcados por unha tinxidura "combativa e ideolóxica", apuntou, deixarían paso anos máis tarde ao xornalismo literario no que Fernández del Riego se mergullou "de cheo" ata hoxe, cando continúa dedicado á lectura e a tradución para poder seguir ofrecendo os seus recordos. É por esta longa contribución á cultura galega pola que este ano o Premio Blanco Torres é máis merecido "se cadra", resaltou a vicereitora de Relacións Culturais da Universidade de Santiago de Compostela, Mar Lorenzo.
Á cerimonia de entrega deste galardón acudiron, entre outros, o presidente do Consello da Cultura Galega, D. Alfonso Zulueta, o presidente da Real Academia Galega, X. Ramón Barreiro, o director da Editorial Galaxia, Víctor Freixanes.
O Premio de Xornalismo Roberto Blanco Torres, que outorgan o Concello de Cuntis e a Universidade de Santiago, está dotado con 6.000 euros e inclúe a publicación dun volume cos artigos premiados.
En anteriores edicións o Premio recaeu sobre Alonso Montero, Ferrín, Carlos Casares e Bieito Iglesias.

GALICIA HOXE
27/07/2005

Comparte nas túas redes sociais ou por email