Onte, con asistencia de numeroso público, inaugurouse na Casa Galega da Cultura, sede da Fundación Penzol, a mostra, Fermín Penzol. Unha obra para un país.
O acto abriuse coa intervención de Alfonso Zulueta de Haz, vicepresidente da Fundación, quen comezou agradecendo a familia do homenaxeado a súa presenza no acto inaugural. Despois, explicou que con esta mostra 'cúmprese un vello sono: salientar a súa personalidade e a importancia da súa obra. Fermín Penzol foi un home cunha enorme paixón por Galicia, preocupado pola súa cultura, tantas veces agochada'. Definiu ao homenaxeado como 'un recuperador da memoria, porque el sabía que a memoria humana é limitada e que por iso había que engadir fondos para que toda esa sabedoría e coñecementos, esencia absoluta do noso pobo, non se perdese. Así que, sen a Fundación Penzol, boa parte da memoria do noso país teríase perdido'. Rematou a súa alocución enviándolle un agarimoso recordo a Francisco Fernández del Riego, director, ata hai moi pouco, e durante décadas, da Fundación.
Despois tomou a palabra o profesor e comisario da mostra (con María Dolores Cabrera), Henrique Monteagudo. Despois dunha longa semblanza da vida do homenaxeado na que, segundo el, 'cómpre salientar que é como a vida do século XX, convulsa e chea de acontecementos', pasou a explicar os dous discursos que organizan a exposición. Por unha banda paneis centrados na súa biografía, a fundación, a biblioteca e os fondos da mesma e, por outro, un discurso máis centrado en obxectos, tamén para mostrar os tesouros que a acolle a Fundación Penzol. Sinalou que 'el era moi consciente de que para que a cultura galega sobrevivise era necesario que tivese unha memoria'.
Foi tempo despois para os políticos. O concelleiro de cultura do Concello de Vigo, Xesús López, lembrou a importancia do nacemento, no ano 1963, da Fundación Penzol, así como o labor realizado durante todos estes anos de difusión da cultura galega. Ao tempo, lembrou a importancia de manter o compromiso entre o Concello e a institución.
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, José Juan Durán, explicou como dende o primeiro instante no que se reuniu con Alfonso Zulueta para escoitar a súa proposta sobre a exposición, o seu departamento non dubidou en que a apoiaría. Finalmente, a delegada da Xunta en Vigo, Lucía Molares, puxo como exemplo da importancia da Fundación a cantidade enorme de libros alí depositados, algúns, como recordou, incluso do século XV.