Fallo do Premio de Ensaio Ramón Piñeiro 2008

Categoría: Nova

A xuntanza do xurado realizouse hoxe, día 22 de decembro, ás 11 horas, no Centro Ramón Piñeiro, en Santiago de Compostela.

O ensaio premiado nesta oitava edición do Premio Ramón Piñeiro, que está dotado con 6.000 euros e ha ser publicado por Editorial Galaxia o próximo ano, aborda o tema de da evolución, entre o radicalismo e a adaptación, do BNG, desde 1982 á actualidade. O xurado recoñece así os méritos dunha obra na que destaca a capacidade do autor para interpretar e reconstruír, con rigor intelectual e eficacia expositiva, o proceso recente do BNG. Análise feita á luz da ciencia política e dos abondosos fondos documentais empregados polo autor.

O xurado, que concedeu o premio por maioría, estivo formado por Luís Alonso Girgado, María López Sández, Rosa Marta Gómez Pato, Ramón Villares e Carlos Lema, salientou a calidade dos nove orixinais presentados, así como a variedade de temas abordados neles.

Xosé Ramón Quintana Garrido (Ourense, 1957) é profesor asociado de historia contemporánea da Universidade de Vigo, e profesor de secundaria. É especialista en historia política e historia social. Ten publicado o libro "Ramón Otero Pedrayo. Vida obra e pensamento" (1988), en coautoría con Marcos Valcárcel, ademais de diversos artigos en revistas especializadas e publicacións colectivas.

Comparte nas túas redes sociais ou por email