Faleceu o profesor Juan José Moralejo

Categoría: Nova

Tiña 70 anos. Formaba parte dunha estirpe de humanistas, catedráticos da universidade galega: o seu pai, Abelardo Moralejo Laso, e o seu irmán Serafín Moralejo Álvarez, recentemente falecido tamén, vencellados ao estudo das letras clásicas e da lingua e a cultura de Galicia. As súas achegas intelectuais centráronse principalmente no estudo da lingua grega, da que exerceu docencia. Entre 1969 e 1971 colaborou no Diccionario Grego-Español co profesor Rodríguez Adrados, do que foi discípulo. Tamén no idioma galego realizou puntuais contribucións sobre o uso da lingua e aspectos léxicos.
Mais como ensaista e home cheo de curiosidade deixounos algún textos irrepetibles. Un deles é As troitas, miñas señoras (Galaxia, 2005), dedicado á pesca da troita e á defensa da ecoloxía e os ríos galegos, dos que era apaixoado visitante e afervoado defensor contra os abusos da contaminación e a especulación urbanística. Un canto á natureza e ao pracer de coñecela e gozala. Ameno, informado, crítico…
Nas paxinas da revista GRIAL publicou un dos seus últimos traballos, sobre o intento de traslado das reliquias do apóstolo Santiago a El Escorial no reinado de Felipe II: "O corpo Santo. Habemos quedar sen el" (GRIAL, 175).
Tamén nos deixou a lembranza da súa amizade, da sua xenerosidade e dun excelente e estimulante sentido do humor.

Comparte nas túas redes sociais ou por email