Faleceu en Vigo a escritora Kristina Berg

Categoría: Nova

Kristina Berg naceu en Halmstad (Suecia) en 1948 e morreu hoxe en Vigo, vítima dun derrame cerebral. En 1972 casou con Carlos Casares, co que tivo dous fillos: Hakan e Christian. Durante un tempo foi tamén traballadora da Editorial Galaxia. Actualmente era presidenta da Fundación Carlos Casares.

En 1979 publicou "Dona Galicia", un relato dirixido aos lectores máis novos, no que dalgún xeito recrea a súa visión de Galicia e da cultura galega, á que se incorporou activamente. Formada en Suecia no ámbito das artes plásticas e da navegación, coñeceu o escritor galego en 1971, cando se dispoñía a embarcar como radiotelegrafista na Coruña rumbo á India. Dende entón compartiron a vida e o compromiso coa cultura galega, que fixo súa e á que entregou, ademais do citado libro, "Un neno viquingo" en 1987 (narrativa infantil).

Á fronte da Fundación Carlos Casares desenvolveu un intenso labor de difusión da obra do seu esposo e, en xeral, do espírito que Casares encarnaba: apertura a outras literaturas, debates arredor da cuestión social e cultural, etc. Pertencía ao grupo de escritoras que, nacendo fóra de Galicia, se incorporaron activamente nos anos 70 e 80 á literatura galega. A súa desaparición deixa unha pena fonda nos que foron os seus amigos.

Coincidindo co décimo aniversario do falecemento de Carlos Casares (1941-2002), o programa "Eirado" da Televisión de Galicia fíxolle unha entrevista que pode visitarse na ligazón á dereita destas liñas.

Comparte nas túas redes sociais ou por email