Éxito na presentación de COMA UNHA ÁNCORA en Tirán

Categoría: Nova

Nun acto organizado pola Asociación de Veciños de Tirán, coa colaboración da Lonxa Literaria e da Asociación de Mulleres de Moaña, presentouse o pasado venres na Casa da Cultura de Tirán a novela de Iria Collazo López, COMA UNHA ÁNCORA. Durante o mesmo, léronse fragmentos da obra mentres se proxectaron imaxes da zona. A autora estivo acompañada polo editor Francisco Castro.
Como xa acontecera noutras presentacións deste libro de mar, maxia e amor, o local quedou pequeno para acoller a todas as persoas que quixeron escoitar á autora e adquirir o libro para que llo asinase.
COMA UNHA ÁNCORA está a ser un dos libros con meirande penetración nos centros de ensino de secundaria e goza, dende o minuto un, do favor das lectoras e lectores e da crítica, unanimemente sorprendida diante do poderoso debút narrativo de Iria Collazo López.

Comparte nas túas redes sociais ou por email