Estudantes de bacharelato con Otero Pedrayo en Trasalba

Categoría: Nova

A actriz Sabela Gago preparou un espectáculo teatral, nas instalacións da casa grande de Cimadevila, sede da Fundación Otero Pedrayo, para recrear diante de estudantes de bacharelato a obra do escritor. Trátase de pequenos retallos da obra de don Ramón, tirados preferentemente dos libros Contos de santos e nadal e Contos do camiño e da rúa, libros que forman parte das citadas bibliotecas, xunto con Os camiños da vida e Arredor de si.

A concellería de Educación de Ourense dispón dunha serie de autobuses para que os estudantes e os profesores poidan trasladarse ao veciño concello de Amoeiro, onde está a residencia de Otero Pedrayo, na casa de Cimadevila. Segundo declarou a concelleira, Ana María Garrido, a idea é repetir cada ano por estas datas os encontros arredor da obra de Otero, para dalo a coñecer ás novas xeracións.

Víctor F. Freixanes, presidente da FOP e director xeral de Galaxia, reclamou en Ourense a adquisición da casa da rúa da Paz, onde naceron Otero Pedrayo e Vicente Risco, para a memoria da cultura galega. "Debería ser o punto de referencia que lembrase a pegada histórica da xeración Nós, pois nese mesmo contorno urbano naceron e viviron tamén López Cuevillas e Xoaquín Lourenzo, figuras sobranceiras dun grupo xeracional que marcou a historia da modernidade de Galicia nas primeiras décadas do século XX".

Segundo recordou Ánxela Bugallo, conselleira de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia, a casa natal de Risco e Otero, hoxe de propiedade privada, forma parte do entorno histórico do casco vello de Ourense, que está considerado Ben Cultural.

Comparte nas túas redes sociais ou por email