Este 2021 celébrase o bicentenario de Gustave Flaubert

Categoría: Nova

O escritor Gustave Flaubert naceu o 12 de decembro de 1821, en Ruán, Normandía, e morreu o 8 de maio de 1880, en Croisset, nunha casa de campo nas cercanías de Ruán. Este 2021, celébrase o bicentenario do seu nacemento, unha chegada que cambiou o mundo da escrita.
Mestre do xénero realista, a súa obra caracterízase pola búsqueda da palabra exacta, a devoción pola arte e un estilo impecable. Considerado como un dos mellores novelistas de Europa, a influencia que exerceu nas vindeiras xeracións é innegable.
Na Editorial Galaxia publicamos obras súas como a coñecida Madame Bovary ou a singular Tres contos.
Madame Bovary, catalogada como unha novela imprescindible, relata a historia dunha muller que rompe coas convencións impostas polo seu mundo e o seu tempo. Amosa a crónica minuciosa do seu fracaso e da súa soidade. Moi por riba da sociedade da súa época, é unha obra mestra da literatura universal.
Atopamos en Tres contos, un libro inclasificable e á mesma vez fascinante, publicado tres anos antes da morte do autor. Reflicte anteriores proxectos inacabados, interferencias… unha sorte de “caixón desastre” que amosa o resultado da infinita curiosidade do autor.
Unha mirada que observaba minuciosamente toda a realidade que o acompañaba. 200 anos despois, podemos ser testemuña do seu pensar grazas á súa escrita incansable.

Comparte nas túas redes sociais ou por email