Poesía, refuxio infinito

Categoría: Nova

Se algo demostrou este 2020 é que as letras e a imaxinación son o mellor acubillo. O mundo poético trasládanos, a través da palabra, aos sentimentos e emocións máis profundos. Son moitas as autoras e autores que co seu talento fan que conectemos con eles e con nós mesmos.
Dende a Editorial Galaxia recomendamos algúns poemarios de lectura obrigada, dos por nós publicados recentemente:
Poeta en Nova York, de Federico García Lorca. A obra poética cume do autor, que publicamos na Editorial Galaxia coincidindo co seu 80 aniversario. Este texto, hipnótico, serviulle a García Lorca para explicar que os negros poden ser xitanos andaluces ou que todas as persoas senten igual en calquera lugar do mundo. Un berro de liberdade. Un clásico da poesía fundamental.
Árbores no deserto, de Rosalía Fernández Rial. A poesía latexa no corpo en prosa do pensamento filosófico. Este libro escribiuse ao desconstruír a voz e o trazo das súas autoras. Unha homenaxe á sororidade e ás grandes mulleres que forman a nosa historia. As raíces das súas ideas medran agora en nós, coma árbores no deserto.
Quérote canto, de Baldo Ramos e Eva Veiga. Un libro que é o resultado da sinerxía de dúas voces que souberon diluírse nunha soa. Moi orixinal, este título naceu desde un mesmo espazo compartido, no mosteiro de Oseira, onde os autores deciden internarse uns días para crear. O resultado é a afirmación de que a poesía é o verdadeiro territorio común.
 Fragmento / Creba, de Abraham Pérez. Velaquí o debut do autor na Editorial Galaxia. Un poemario dun autor que, malia a súa xuventude, é quen de gravitar coa palabra no máis profundo da conceptualidade ontolóxica, esa en que hai que entrar para entender o mundo ou, cando menos, para significalo.

Comparte nas túas redes sociais ou por email