Versión española, de TVE, ofrecerá a película “A esmorga”, este domingo

Categoría: Nova

Este domingo 15 de novembro, ás 22:25 h en La 2 de TVE, Versión española ofrecerá a película A esmorga, dirixida en 2014 por Ignacio Vilar. Unha adaptación ao cine da novela de Eduardo Blanco Amor, producida por Vía Láctea Filmes, TVG e Editorial Galaxia.
Protagonizada por Karra Elejalde, Miguel de Lira e Antonio Durán (Morris), este filme representa á perfección o espírito da novela. Unha película, chea de talento, onde nos adentramos nunha longa viaxe dende o día ata a noite e dende a noite ata o día, na que estos tres amigos amosarán a fatalidade que os persegue.
Poderemos asistir ás traxicómicas peripecias do Cibrán, o Bocas e o Milhomes nunha noite de bebedela polos arredores de Auria, a cidade literaria coa que Blanco Amor reelaborou desde a distancia o seu Ourense natal.
Haberá un coloquio posterior ao visionado, moderado por Cayetana Guillén Cuervo, onde participarán os escritores Juan Tallón e Carlos Montero.
Un texto fundamental das Letras Galegas que este ano celebra o seu 50 aniversario. Para conmemoralo, na Editorial Galaxia publicamos unha edición especial ilustrada por Diego Estebo, que encabeza a colección Xohán Ledo.

Comparte nas túas redes sociais ou por email