O creador Arturo Álvarez deseñou, con motivo da conmemoración do 70 aniversario de Editorial Galaxia, unha luminaria única que rende homenaxe ao grupo de fundadores que decidiron, de maneira altruísta, salvagardar e difundir a cultura e o idioma galego a través do proxecto Galaxia.
Unha peza excepcional, chea de emoción, que reflicte á perfección a historia da editorial. A través da silueta dos fundadores proxectada na parede, Álvarez, é capaz de transmitir o sentimento e entusiasmo dos pioneiros que fixeron posible que nacera este proxecto de país. Un deseño emocionante que serve de exemplo para que o espírito da súa orixe siga estando presente nas vindeiras xeracións.
Arturo Álvarez é deseñador, artesán e artista. Gústalle definirse como creador, un concepto que sintetiza todos os anteriores e co que se sente máis cómodo e recoñecido.
Autodidacta, rebelde, sempre curioso, non lle gusta impoñer límites. Na súa traxectoria hai tres momentos definitorios. Durante os primeiros anos explora e traballa con conceptos figurativos, baseados na natureza. Nun segundo período, avanza cara á abstracción explorando formas xeométricas simples. Sen abandonar as referencias á natureza, aparece o corpo humano, un tema que se repite e no que continúa investigando ao longo dos anos. Na actualidade, Arturo Álvarez está a desenvolver novas formas de expresión e linguaxe, coa luz como tema principal e o ser humano e as súas relacións como protagonista, coas súas luces e sombras, encontros e desacordos, temas que lle preocupan e nos que profunda a partir de diferentes técnicas e materiais.
O recoñecemento do seu traballo, ao longo dos seus vinte e cinco anos de carreira, chegou en forma de prestixiosos premios internacionais e numerosos premios como innovador no campo da luz.