Galaxia celebra o 25 aniversario de “Que me queres, amor?” cunha edición ilustrada

Categoría: Nova

Na Editorial Galaxia, celebramos o 25 aniversario da primeira publicación do libro Que me queres, amor?, de Manuel Rivas, cunha edición moi orixinal. O universo creativo de Diego Estebo ponse ao servizo da pluma de Rivas nesta fermosa edición ilustrada que temos a honra de publicar, dento da colección Xohán Ledo, no noso catálogo.
Unha publicación de altísima calidade que xera novas lecturas neste clásico imprescindible da literatura galega.  Esta xoia literaria atesoura dezaseis narracións que enxergan o milagre do mundo no soño dun saxofonista ou na brancura luminosa do leite fresco.
Atopámonos ante un dos libros máis recoñecidos do autor que, esta vez, vén con outras cores e formas na que as lectoras e lectores poderán degustar esta variedade de relatos que rescatan a grandeza do pequeno.
Manuel Rivas ofrécenos unha interpretación lírica, dura e delicada á vez, dun país habitado polo tempo e por xentes que reclaman o seu dereito a ter unha historia que contar. Un libro de extrema sensibilidade, que contén os contos que foron levados ao cine no filme A lingua das bolboretas.
Premio Nacional de Narrativa e Premio Torrente Ballester, este libro de relatos de Manuel Rivas (A Coruña, 1957) supuxo, no seu momento, a súa consagración definitiva como narrador. Este libro ofrécenos un universo literario que enxalza a grandeza do pequeno, ateigado dun feixe de talento en cada unha das súas páxinas, atopámonos ante unha creación totalmente única.
Manuel Rivas (A Coruña, 1957) é un dos escritores máis destacados no actual panorama das letras galegas. Dende 2009 é membro da Real Academia Galega. É autor dunha obra literaria que abrangue títulos como os poemarios Libro do Antroido (1981), Balada nas praias do oeste (1985), Mohicana (1986), Ningún cisne (1989), Costa da Morte blues (1995), O pobo da noite (1997) e as obras narrativas Un millón de vacas (1989), Os comedores de patacas (1991), En salvaxe compaña (1994), Que me queres, amor? (Editorial Galaxia, 1995), O lapis do carpinteiro (1998) e Os libros arden mal (2006).
Rivas é tamén un dos representantes máis salientables do xornalismo galego de hoxe. Colaborador habitual do diario El País, dirixe a revista Luzes de Galiza e ten recollido grande parte dos seus artigos xornalísticos en libros como Galicia, el bonsai atlántico (1990), Toxos e flores (1993), Muller no baño (2002) e Os Grouchos (2008). En 2009 recibiu o Premio de xornalismo Francisco Fernández del Riego por un artigo sobre Ramón Piñeiro; en 2011 foi nomeado Doutor Honoris Causa pola Universidade da Coruña.

Comparte nas túas redes sociais ou por email