Escoitar para soñar: Galaxia recomenda audiolibros para gozar en familia este verán

Categoría: Nova

O verán é tempo de viaxes, de descanso, de descubrimentos. Tempo de parar e tamén de imaxinar. Por iso, en Editorial Galaxia damos queremos convidarvos a adentrarvos no mundo dos audiolibros, cunha proposta completa para acompañar as vacacións dos máis pequenos: historias inesquecibles que agora tamén se poden escoitar.

Coa dirección de Teresa Santamaría e un elenco de voces con máis de corenta anos de experiencia na dobraxe, esta nova colección achega a literatura galega a novos espazos e momentos: no coche, na praia, antes de durmir… Os audiolibros fomentan a comprensión oral, a atención activa e o gusto polos relatos. Son unha ferramenta clave para o desenvolvemento da expresión nas primeiras idades.

As tres primeiras obras que inauguran esta colección son:

Daniel no peirao, de Paula Carballeira, ilustrado por Eli Ríos. Unha peza de teatro sobre o intelectual rianxeiro, con interpretacións de Ana Lemos, Isabel Vallejo, Ana Maciñeiras, Cristal Álvarez, Teresa Santamaría e Julio Lorenzo.

Podedes mercalo nesta ligazón.

Ícaras, de Carlos Labraña, ilustrado por Mara Méndez. Esta lectura recomendada a partir dos 10 anos, conta a historia de Lía.

Lía garda un segredo, a súa nai fíxolle unhas ás con plumas de cores, pero non lle ensinou a voar. Ana, unha estudante universitaria que traballa na hamburguesaría do barrio, nin sequera ten ás. Nun anoitecer, vanse cruzar os seus camiños e descubrirán que hai máis cousas que as achegan, que aquelas que as separan. Indo xuntas, serán capaces de voar?

Voces: Montse Dávila, Teresa Santamaría e Isabel Vallejo.

Podedes mercalo nesta ligazón.

Hermilindo esbirra poemas, de Paula Señarís, ilustrado por Laura Romero. Publicada na colección Árbore de Galaxia, esta lectura está recomendada a partir dos 10 anos. No mundo mecánico está totalmente prohibido pronunciar palabras bonitas. Por este motivo, o protagonista, Hermilindo, debe ocultar un segredo: esbirra versos que lle saen do seu corpo de latón. Unha historia fabulosa e imaxinativa que achega á cativada ao mundo das emocións e as palabras. Voces: Julio Lorenzo, Ana Maciñeiras, Bea García e Teresa Santamaría.

Podedes mercalo nesta ligazón.

Con esta proposta ofrecemos unha nova forma de vivir o libro, ampliando os seus formatos sen perder a alma literaria. Este verán, vive cada historia coas orellas ben abertas.

Comparte nas túas redes sociais ou por email