Fernando Castro Paredes recibe o Premio Galaxia de Novela pola obra “O lanzador de coitelos”

Categoría: Nova

Hoxe celebrouse, no Hotel Compostela de Santiago o acto de entrega do Premio Galaxia de Novela ao escritor Fernando Castro Paredes, recoñecido pola súa obra “O lanzador de cóitelos”.

Un evento cargado de simbolismo para a editorial, que coincidiu co 75 aniversario da asemblea fundacional de Galaxia, celebrada tamén neste mesmo espazo o 25 de xullo de 1950. No acto participaron, xunto ao autor, Xosé M. Soutullo, director de Editorial Galaxia; Dolores Vilavedra, presidenta do xurado; as persoas que formaron parte do xurado: Tensi Gesteira, Inma Otero Varela, Ramón Nicolás e Marcos Calveiro; e Antón Vidal Andión, presidente do Consello de Administración de Galaxia.

O argumento

Un sicario é contratado para raptar unha figura prominente das letras, un poeta húngaro emigrado a París. A operación terá un xiro inesperado e ambos os dous protagonistas acabarán confrontados co seu pasado. Con esta premisa arrinca O lanzador de coitelos, unha novela que parte dos códigos do thriller máis clásico para transcender o xénero cunha estrutura sofisticada e sedutora. A trama permitirá expoñer con eficacia un mundo de personaxes de identidades duplicadas e antagónicas. Unha obra que nos fala sobre a liberdade e a memoria, sobre o fracaso e a corrupción humanas e, tamén, sobre esa busca que emprendemos para descubrir quen verdadeiramente somos: vítimas ou verdugos.

Biografía do autor

Fernando Castro Paredes (Tapia de Casariego, 1975) é profesor de Ensino Secundario. Desenvolve unha ampla actividade no eido do teatro escolar e afeccionado como coordinador da agrupación Tuéjele Teatro do IES Fernando Blanco de Cee e membro do grupo Farándula Velutina. Como dramaturgo, foi recoñecido con galardóns como o Premio Rafael Dieste, o Álvaro Cunqueiro e o Roberto Vidal Bolaño. Entre as súas obras destacan A derradeira bala (Editorial Galaxia, 2018), Papiroflexia (Editorial Galaxia, 2021), Pallaso, Sincronizadas e Ofelia ou o cabeiro da cóbrega. No ámbito narrativo, publicou Miss Antropía na colección Costa Oeste de Galaxia e en 2023 foi recoñecido co Premio García Barros por Entomoloxía para misioneiros.

 

Comparte nas túas redes sociais ou por email