Acto de entrega a Fernando Castro Paredes do Premio Galaxia de Novela 75 Anos, en Santiago de Compostela

Categoría: Nova

O xoves 17 de xullo, celebrarase, ás 12:30 h, no hotel Compostela de Santiago un acto de especial significado para a nosa editorial: a entrega do Premio Galaxia de Novela ao escritor Fernando Castro Paredes pola súa obra O lanzador de coitelos.

No acto, acompañando o autor, intervirán Xosé M. Soutullo, director de Editorial Galaxia; Dolores Vilavedra, presidenta do xurado; os compoñentes do xurado, Tensi Gesteira, Inma Otero Varela, Ramón Nicolás e Marcos Calveiro; e Antón Vidal Andión, presidente do Consello de Administración de Editorial Galaxia.

Con esta celebración, Editorial Galaxia conmemora tamén o 75 aniversario da súa asemblea fundacional, celebrada nesta mesma cidade, no propio hotel Compostela, o 25 de xullo de 1950.

Será un encontro que celebra unha novela que marcará un novo tempo na literatura galega.

Un sicario é contratado para raptar unha figura prominente das letras, un poeta húngaro emigrado a París. A operación terá un xiro inesperado e ambos os dous protagonistas acabarán confrontados co seu pasado.

Con esta premisa arrinca O lanzador de coitelos, unha novela que parte dos códigos do thriller máis clásico para transcender o xénero cunha estrutura sofisticada e sedutora. A trama permitirá expoñer con eficacia un mundo de personaxes de identidades duplicadas e antagónicas.

Unha obra que nos fala sobre a liberdade e a memoria, sobre o fracaso e a corrupción humanas e, tamén, sobre esa busca que emprendemos para descubrir quen verdadeiramente somos: vítimas ou verdugos. 

Comparte nas túas redes sociais ou por email