María Quiroga gaña o Premio Illa Nova 2025 coa novela ‘Perder o norte’

Categoría: Nova

En Vigo, a 11 de xullo de 2025, reuniuse o xurado do Premio Illa Nova de Narrativa nas instalacións de Ámbito Cultural de El Corte Inglés. Compóñen o xurado Ana Arias Castro, Iria Collazo, Lara Dopazo, Ramón Nicolás e Adrián Pérez Bote. Exerce de secretaria do xurado, en representación da Editorial Galaxia, Malores Villanueva.

Despois das oportunas deliberacións o xurado decide por maioría outorgarlle o Premio Illa Nova de Narrativa na súa novena edición ao texto Perder o norte.

Aberta a plica cos datos da obra premiada a gañadora resultou ser María Quiroga.

O xurado destacou que Perder o norte é unha novela cun estilo moderno que dialoga co xénero dramático para tratar asuntos de actualidade como a saúde mental ou a dor. A historia afonda na relación íntima das personaxes protagonistas e, a través delas, esculca nese sentimento ata a emoción.

Esta historia transita diversos territorios, físicos e emocionais, dende as paisaxes luguesas da nenez, ata a xeografía itinerante que percorre a protagonista. Estas referencias espaciais, xunto con outras artísticas, literarias, musicais, constrúen un potente retrato xeracional.

A autora exhibe un estilo poderoso e coidado para narrar o proceso de crecemento da voz narradora.

Comparte nas túas redes sociais ou por email