O sábado 12 de xullo, ás 11:00 h, na carpa ARVI do festival Vigo SeaFest, celebrarase a presentación do libro Un mar de preguntas, de Javier García Galdo.
Acompañando o autor estará José Antonio Fernández Bouzas (Pepin), director do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia e presidente do Colexio de Biólogos.
Publicado por Editorial Galaxia e ilustrado por Roque Araújo, Un mar de preguntas é unha obra de divulgación pensada para todos os públicos, que ofrece respostas claras e accesibles a cuestións sobre o medio mariño como: que forza ten o mar?, para que serve unha balea?, ou cantas especies habitan nas profundidades?
Con base científica e un ton próximo, este libro convida a coñecer mellor o océano e reflexionar sobre a nosa relación co mar, coa intención de fomentar o respecto e a conservación da biodiversidade mariña.
A presentación enmárcase dentro da programación da carpa ARVI do festival Vigo SeaFest, que se celebra entre o 10 e o 13 de xullo nos xardíns de Montero Ríos.