25 de xullo. Día de Galicia e aniversario de Editorial Galaxia

Categoría: Nova

75 anos creando porvir para a cultura galega

O 25 de xullo de 1950, no bodegón do hotel Compostela, en Santiago, nacía Editorial Galaxia. A asemblea fundacional reunía un grupo de homes e mulleres que compartían un soño común: recuperar, defender e proxectar cara ao futuro a nosa lingua e a nosa cultura nun tempo escuro e hostil. Inspirados polo espírito da Xeración Nós, e baixo a presidencia do patriarca das nosas letras, Ramón Otero Pedrayo, Galaxia botaba a andar como un acto de resistencia cultural e amor ao país.

Setenta e cinco anos despois, brindamos por aquel compromiso, que segue vivo. Aquela luz acendida nun salón de hotel brilla hoxe cunha forza renovada, porque Galaxia foi, é e será sempre máis ca unha empresa editorial: é un proxecto de país.

A editorial afronta esta efeméride baixo o lema “Crear porvir”, reafirmando o compromiso cos valores que a viron nacer e adaptándoos aos retos do século XXI. O programa conmemorativo, que inclúe numerosas iniciativas ao longo de 2025, estrutúrase arredor de exposicións, foros de debate, premios literarios, producións audiovisuais e eventos dirixidos a todos os públicos.

Hoxe, no Día grande da celebración de Galicia, brindamos polas persoas que, ao longo de sete décadas, fixeron de Galaxia unha casa común da nosa cultura. Brindamos tamén polos novos soños, pola nova creación, polo orgullo da nosa identidade, e polo dereito a imaxinar, sempre en galego, o mundo que está por vir.

75 anos despois, seguimos creando porvir.

Comparte nas túas redes sociais ou por email