Encarna Otero

Categoría: Recensión

Memoria de cidades sen luz: o pracer da lectura

Nesta nova novela de Inma López Silva, a autora conquire namorar ás persoas que descubran nas súas páxinas o mundo desas cidades nas que acontece a vida dos personaxes que as percorren; Santiago de Compostela, A Coruña, Barcelona, París, Nova Iork e Bos Aires alumean nos ollos de Ánxel Casal, María Miramontes, Santiago Casares, María Casares, Albert Camus, Gérard Philippe, Jean Vilar, Eduardo Blanco Amor, Luis Seoane ou as Marías cando as personaxes que protagonizan o libro: Lucía, Armel, René e ese neno feito home e convertido en vello: Marcel, autor en primeira persoa deste caderno de bitácora da súa vida, atópanse con eles e fanse amig@s e compañeir@s da viaxe.

É incríbel que unha autora tan nova, digo por idade, sexa quen de manexar con tanta habilidade coñecementos políticos, culturais, xeográficos e humanos que fan desta novela un verdadeiro periplo desa Galiza universal que viviu a esperanza da República, do Estatuto de Autonomía, da "Institución Libre da Enseñanza", dos dereitos das mulleres no sufraxio e na vida pública e privada; alegría e esperanza toda ela afogada en sangue coa represión feroz da sublevación militar franquista do 36. As xentes que conqueriron fuxir tratan de sobrevivir e de recuperar a esperanza dun país novo no universo de París ou de Bos Aires e alí pouco a pouco fanse vellas xunto con seus soños e ilusións, máis habitantes neses mundos coñecen a resistencia fronte á ocupación nazi e a II Guerra Mundial no París da rúa Felicité, do Café de Flore e do Theatre Chaillot ou a eclosión de cultura e de universalidade simbolizado nese Bos Aires nas rúas de Corrientes e de Palermo.

Esta novela respira vida e traxedia como se estas dúas percepcións tiveran que ir sempre xuntas como moi ben tratou a cultura grega, máis tamén está chea de xogos infantís no Orzan, de miserias e mediocridades, de represaliados que sobreviven na rúa do Papagaio e de transgresións permanentes no amor e na sexualidade onde a autora exerce unha liberdade absoluta, aínda nos momentos de maior tensión sempre na búsqueda da tenrura e da compañía fronte á soidade humana.

Trala lectura deste libro que fixen con tal ansia como nos meus anos de mocidade quitándolle horas ao sono e buscando a complicidade da noite, sempre amiga, para estes menesteres, o meu primeiro desexo foi escoitar a música e a letra de "Les vieux amants" de Jacques Brel e "Ma France" de Jean Ferrat, por iso, amigo e amiga lectores, téntovos á lectura do apaixoante periplo de Marcel tan insinuante como o rouge sauvage do pintabeizos de Lucía.

Comparte nas túas redes sociais ou por email