Familiares, amigos e persoeiros da cultura e da política de Galicia deron onte o derradeiro adeus a Xaime Isla Couto, galeguista, avogado, economista e sobre todo, un gran creador de ideas, acompañándoo ata a súa derradeira morada, no cemiterio vigués de Pereiró.
A familia enteira da Editorial Galaxia, así como numerosos persoeiros da cultura e da política galega, quixeron estar con don Xaime neste derradeiro instante como mostra de agradecemento e homenaxe a un home que o deu todo polo noso país. De todas as cores. De todas as sensibilidades.
Os aplausos soaron no intre en que o cadaleito co corpo do galeguista iniciaba o camiño cara o lugar onde descansarán os seus restos mortais. A música dun gaiteiro soou durante todo o acto. Logo,os rezos. E o himno de Galicia. E os aplausos.
Se o acto de aplaudir é un invento humano para expresar gratitude, os de onte érano sen dúbidas. O recordo é unánime: que vida máis fecunda; canto nos deixas, don Xaime. Canto e que bo.