É unha grande ledicia para Editorial Galaxia anunciar que fomos recoñecidos con dous premios nos prestixiosos Premios Follas Novas do Libro Galego 2025, un evento de referencia na nosa literatura.
“Papóns”, de Sandra Lodi, foi premiado na categoría de Libro Ilustrado. Esta obra, que xa foi merecente do Premio Alberte Quiñoi de Álbum Ilustrado 2024, é un canto á identidade propia, ás nosas raíces e á diversidade real dos corpos e das vidas. A través da historia de Inés, unha nena que escapa das convencións e conecta coa súa esencia máis profunda, Papóns constrúe un espazo de representación onde a nosa sociedade pode sentirse reflectida.
“Ubasute”, de Paula Carballeira, recibiu o premio na categoría de Libro de Teatro. Inspirándose no termo xaponés que evoca o abandono dos máis vellos, a autora propón unha peza profunda e conmovedora sobre a perda, o esquecemento e a culpa. Ubasute é unha reflexión sobre as múltiples formas de deixar atrás (persoas, lembranzas, incluso a nós mesmas) e sobre a complexidade de separarse emocionalmente do pasado.
Seguimos facendo camiño, da man da nosa cultura e da nosa lingua.