Galaxia achega novas voces e historias á Feira do Libro de Ferrol

Categoría: Nova

Editorial Galaxia estará presente na Feira do Libro de Ferrol con dous actos destacados que celebran novas voces da nosa literatura.

O venres 25 de abril, ás 19:30 h, celebrarase, unha sinatura con Ana Varela arredor de Runrún, na caseta da libraría Central Librera.

O domingo 27 de abril, ás 12 h, na caseta da libraría Metrópolis, terá lugar unha sinatura especial con Paula Mayor arredor de Rosalía oculta, Premio Castelao de Banda Deseñada 2023.

Neste libro, Paula Mayor propón unha reinterpretación audaz e emotiva da figura de Rosalía de Castro, máis alá dos mitos e das imaxes convencionais. A través dunha narración visual poderosa, Rosalía oculta reconstrúe a vida da nosa autora máis universal, amosando unha muller loitadora, feminista e profundamente humana.

Paula Mayor, artista coruñesa, levou a cabo dous anos de intensa investigación para crear esta novela gráfica, que nos convida a redescubrir unha Rosalía máis real, próxima e viva.

Ese mesmo domingo 27 de abril, ás 18:30 h, celebrarase a presentación de Runrún, de Ana Varela. Acompañando a autora estará David Cortizo, (Editorial Galaxia). Esta obra, ambientada en Ferrol, supón o debut de Ana Varela na nosa editorial e está publicada na colección Literaria Ronsel.

Runrún amosa a historia de Uxía e a relación coidada e complexa coa súa irmá Aldara, tras un episodio de saúde mental que transforma a súa vida. A novela mergúllanos nos afectos, nos prexuízos e na vulnerabilidade humana, ofrecendo unha ollada necesaria sobre os coidados e as relacións sociais.

Ana Varela (Narón, 1978), licenciada en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo, traballa como tradutora e intérprete na Administración de Xustiza. Runrún é a súa primeira novela, tras unha sólida traxectoria poética recoñecida con premios como o Certame de Poesía Francisco Añón e o Premio Gonzalo López Abente.

Con Runrún e Rosalía oculta, a Editorial Galaxia reafirma o seu compromiso coa literatura galega contemporánea, coa banda deseñada e coa recuperación de voces imprescindibles.

Agardámoste na Feira do Libro de Ferrol!

Comparte nas túas redes sociais ou por email