Editorial Galaxia incorpora ao seu catálogo Agora non é antes. Ideas para unha revolución tranquila, o novo ensaio de Antón Baamonde (Vilalba, 1959), unha reflexión crítica sobre o momento histórico que atravesa Galicia e as posibilidades que se abren nun contexto de transformación acelerada.
Neste volume, Baamonde propón ler Galicia desde unha perspectiva renovada: combater os clixés, abandonar as retóricas da pasividade e reformular o modo en que o país se pensa a si mesmo. A partir da constatación de que Galicia está a culminar unha profunda transformación económica e social iniciada hai medio século, o autor formula unha serie de preguntas decisivas: é posible unha revolución tranquila? Pode ese cambio estrutural traducirse tamén nunha transformación política e cultural? Existe a posibilidade dun modelo propio de modernización e dunha nova narrativa colectiva?
Antón Baamonde é licenciado en Filosofía, ensaísta e articulista, e publicou en Editorial Galaxia títulos como A rosa sen porqué (1997), obra na que o literario e o filosófico se entrelazan. Máis recentemente, en Unha nova Olanda (2021), defendía unha visión de Galicia como sistema urbano interconectado co norte de Portugal no escenario global; e en Galicia, distrito industrial. Conversas con Daniel Hermosilla, propón un volume que analiza o retorno da política industrial en Europa e as oportunidades estratéxicas para Galicia. A través do diálogo co director executivo de Rodiñas, o libro pon o foco nun tecido empresarial tecnolóxico, internacionalizado e con capacidade para atraer talento, afastándose de imaxes estereotipadas e reivindicando a biodiversidade industrial do país.
Con Agora non é antes, Baamonde volve situar o debate no centro e propón pensar Galicia desde a responsabilidade, a ambición e a conciencia do tempo histórico que vivimos.