A Editorial Galaxia estará un ano máis no Culturgal

Categoría: Evento, Nova

A Editorial Galaxia estará un ano máis no Culturgal, nunha edición diferente que estará cargada de novidades. Celebrarase nun formato que opta pola semipresencialidade, cun aforo máximo de 50 persoas, as actividades serán retransmitidas por Internet. Será dende o día 27 até o 29 de novembro, en Pontevedra.
Velaquí a programación da Editorial Galaxia:
SÁBADO 28 de Novembro – Espazo Foro (Sala de Exposicións do Pazo da Cultura)
16 h. Presentación. Unha xustiza en diálogo co país. Conversas con Carlos Varela Presentación do libro con Ruth Novoa de Manuel, autora, Carlos Varela, ex fiscal xefe de Galicia, Francisco Castro, editor e director xeral de Editorial Galaxia, Xosé Xoán Barreiro, presidente de Sección Segunda da Audiencia, Consuelo Castro, avogada xeral do Estado, e Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística.
21:00. Mulleres míticas: Rosalía Fernández Rial
Performance con Rosalía Fernández Rial. Presentación de Árbores no deserto con proxección de imaxes e música.
Este libro escribiuse ao deconstruír a voz e o trazo das súas autoras. As raíces das súas ideas medran agora en nós, coma árbores no deserto. Coma árbore no deserto agroma, rizomática, a nosa arte, oasis de liberdade.
DOMINGO 29 de Novembro
Espazo Escena (Auditorio do Pazo da Cultura)
12 h. Sonárbore para toda a familia: Ramona Órbita. A dona do tempo con Pakolas e Lingua Guapa. Cantos que contan de Fina Casalderrey
Concerto. Ramona Órbita. A dona do tempo, de Pakolas. … A xira do segundo libro-disco, pertencente á colección Sonárbore da Editorial Galaxia, de Pakolas chega a Culturgal con Ramona Órbita e a súa máquina cargada de rock and roll, disposta a percorrer os tempos para aprender a protexer a natureza. Especialmente dirixido a cativada entre os 3 e 5 anos.
Concerto. Lingua guapa. Cantos que contan, de Fina Casalderrey. Cunha música, de Néstor Blanco, que nos fai viaxar polo mundo, Casalderrey fálanos, neste libro-disco, dunha lingua moi longa con quilómetros de historia e que leva palabras de azucre que aturuxan na memoria. Está fermosamente ilustrado por Nuria Cobo.
Espazo Libro (Teatro Principal de Pontevedra)
Culturgal 2020 en pandemia
13:15. Presentación de Pandemia! A covid-19 sacode o mundo, de Slavoj Zizek, co tradutor Carlos Aymerich e Francisco Castro. Conversarán sobre o papel da tradución e a universalidade do pensamento nunha situación como a que estamos a vivir. O esloveno Zizek, un dos ensaístas e filósofos con máis protagonismo nesta primeira década do século, aborda os efectos da crise desatada pola pandemia de coronavirus e reflexiona sobre  a necesidade de repensar a sociedade contemporánea.
Presentación. Conversa con Francisco Castro arredor do libro Pangalaica, recortes poderosos de Xurxo Souto.
Este libro naceu cando a pandemia paralizou a actividade cultural. Nel, Souto, construiu unha completa reportaxe na que comparte, coas lectoras e lectores, trinta anos de carreira nos que coñeceu persoas e historias marabillosas.
16:00 h. Presentación dos premios de narrativa Torrente Ballester.
Conversa do deputado de Cultura Xurxo Couto con Antón Riveiro Coello, autor de O paraíso dos inocentes, na que participará Francisco Castro, director xeral da Editorial Galaxia, xunto con Álex Alonso, autor de Granito (Xerais) e o editor Fran Alonso, director de Xerais.
20 h. Galaxia presenta…
Presentación. Castelao, un galego Senlleiro.
Conversa entre Miguel Anxo Seixas Seoane, autor de Castelao. Construtor da nación. Tomo II. 1931 – 1939, e Ana Santiso, ilustradora da edición especial Alba de Groria, de Castelao.
Presentación. Premios Manuel García Barros e Repsol de Narrativa Breve 2020.
Celebrarase a presentación de Flores de Ferro, Premio García Barros 2020, de María Rei e Illa Decepción, de Berta Dávila. As dúas autoras presentarán as obras a través dunha conversa. Dávila foi a gañadora do Premio García Barros en 2019 con Carrusel.

Comparte nas túas redes sociais ou por email