Bieito Alonso, Premio da Crítica de Galicia na categoría de Investigación

Categoría: Nova

Anaquistas galegos en América, de Bieito Alonso, gaña o Premio da Crítica de Galicia na categoría de Investigación.
O xurado, que acordou outorgarlle o galardón por maioría, salienta a investigación rigorosa, propia e sintética coa que se anova, con lucidez historiográfica, a historia do anarquismo en América. Tamén destaca a visión transnacional e inclusiva da loita pola xustiza social desde perspectivas ideolóxicas e organizativas do anarquismo, así como o entrelazado tema da emigración a través de historias conectadas de homes e mulleres de diversos puntos de América e Galicia. A súa presentación é accesible para un amplio público lector.
A través deste libro, que é o primeiro que o autor publica na Editorial Galaxia, Bieito Alonso descóbrenos o descoñecido do pasado e achéganos pasados descoñecidos. Sen dúbida, este é un verdadeiro libro de Historia como descuberta do pasado, que hoxe goza de tan prestixioso recoñecemento.
Os Premios da Crítica de Galicia institúense coa finalidade de facer público o recoñecemento que, dentro do marco xeral da cultura galega, merezan os labores individuais ou colectivos que cada ano cristalicen en achegas relevantes para os diversos ámbitos da creación cultural e da investigación en Galicia.
Podedes visionar a rolda de prensa na que se deu a coñecer o resultado do fallo premendo aquí.

Comparte nas túas redes sociais ou por email