Xa se pode ver a partir de hoxe, en formato virtual, a V Gala do Libro Galego 2020 na que dous libros de Galaxia resultaron premiados o pasado maio. Conducida por Quico Cadaval, podedes visionala premendo aquí.
Na categoría de Divulgación, gañou o premio A que cheiran as cores? A esperada guía para coñecer o cerebro, de Juan Casto Rivadulla Fernández e ilustrado por Nuria Díaz.
O xurado destacou desta obra que explica dun xeito sinxelo e ameno todas as singularidades do cerebro. É un libro que responde á demanda de contar con máis libros de divulgación científica ben editados, ilustrados e en galego, que estean, como este, dirixido a un público moi amplo en idade e intereses.
Na categoría de Iniciativa Bibliográfica, a obra escollida foi Castelao. Construtor da nación. Tomo I. 1886-1930, de Miguel Anxo Seixas Seoane, editado pola Editorial Galaxia en conxunto co Consorcio de Santiago de Compostela.
Para o xurado é unha obra monumental, amplamente documentada e que responde ao traballo dunha vida de investigación, ademais de ser o inicio dun conxunto de tomos imprescindible para a historia de Galicia.
É toda unha honra recibir estes galardóns tendo en conta o alto nivel das obras presentadas. Non perdades a V Gala do Libro Galego. A primeira en formato virtual.