Editada a Obra Literaria Completa de Fole

Categoría: Nova

Como a maioría dos autores galegos da súa época, Ánxel Fole (Lugo 1903-1986) comezou escribindo en castelán e continuou utilizando esta lingua durante o resto da súa vida. O lector xa coñece a súa produción en galego reunida nos dous volumes da súa Obra Completa publicados por primeira vez no 97; por iso agora facíase necesario reunir a súa dispersa obra poética e narrativa en castelán e unha mostra significativa da súa extensísima produción xornalística, pois non parece posible coñecer ou comprender a traxectoria de Fole sen contar con estoutra dimensión lingüística.

A finais dos anos vinte, Fole comezou a escribir os seus primeiros poemas en castelán, pero non compilaría nunca esta produción nun volume e mesmo non a dará a coñecer na prensa literaria e diaria ata moi avanzada a posguerra. Desde os anos cincuenta escribiu xa moi pouca poesía, aínda que foi precisamente nos últimos anos cando compuxo os seus escasos poemas en galego.

Os tres volumes da súa Obra literaria Completa, reúnen por primeira vez, xunto ao Fole máis coñecido e fundamental para a narrativa galega, de Terra Brava ou Á lus do candil, aqueloutra obra en castelán que ata o de agora se atopaba dispersa e que agora axudará a comprender mellor a evolución da obra en galego e algunhas das influencias que a determinaron, amais de ampliar o retrato de Ánxel Fole cunha faceta indispensable da súa vida, a do profesional do xornalismo.

Comparte nas túas redes sociais ou por email