Día Mundial da Saúde

Categoría: Evento

Dende o 1948, a Organización Mundial da Saúde (OMS) proclamou o 7 de abril coma o Día Mundial da Saúde. Dende a Editorial Galaxia defendemos a importancia da causa e convidamos, a cativos e maiores, a reflexionar sobre a mesma. Nun día coma hoxe, recomendamos a lectura do libro Os nenos da varíola, de María Solar.
Velaquí unha das aventuras máis importantes da historia da humanidade, protagonizada por uns nenos que non tiñan idea de facerse heroes. Aínda que o foron. Nos seus pequenos corpos, brazo a brazo, levaron a vacina da varíola a América. Sacados dos hospicios da Coruña, Santiago e Madrid, cruzarán o Atlántico formando parte da Expedición do doutor Balmis e na que unha muller fascinante, Isabel Zendal, xogará un papel determinante. A historia comeza en 1803. Na miseria dos orfanatos. Nun barco que pode ser tamén unha tumba. Nun mar hostil e desapiadado. No medio dese universo cruel, a esperanza e un posible futuro. O heroísmo anónimo de 22 nenos que, grazas a este libro, xa non o serán máis nunca.
Sen dúbida, está é unha lectura imprescindible, chea de humanidade.
Este libro foi galardoado co Premio Fervenzas Literarias 2017 ao Mellor Libro Xuvenil do ano, e co Premio Gala do Libro 2018 na categoría de Mellor Obra Xuvenil.

Comparte nas túas redes sociais ou por email