A Real Academia Galega acordou pospoñer o pleno extraordinario e público do Día das Letras Galegas dedicado á figura do intelectual Ricardo Carvalho Calero (Ferrol, 1910 – Santiago de Compostela, 1990), ante a situación provocada pola pandemia da COVID-19.
A sesión mantense no lugar previsto, o teatro Jofre de Ferrol, pero trasladarase do domingo 17 de maio ao sábado 31 de outubro. A data escollida é xusto un día despois do 110 aniversario do nacemento do homenaxeado. Autor de libros coma A xente da barreira, reeditado este ano pola Editorial Galaxia, ou Historia da literatura galega contempóranea; Carvalho Calero é unha das personalidades máis relevantes da cultura galega da segunda metade do século XX, enteiramente entregado ao ideal patriótico.