“O Principiño” cumpre 77 anos

Categoría: Evento

Hoxe cúmprense 77 anos da publicación de O Principiño, de Antoine de Saint-Exupèry. Un libro para todas as idades repleto de melancolía, fantasía, misterio e sabedoría, que o converten nunha obra mestra.

Esta é unha das obras máis importantes da literatura infantil e universal; e un dos libros favoritos de Carlos Casares, antigo director da Editorial Galaxia, que se encargou de facer a primeira tradución ao galego do mesmo.
Gozada por cativos e maiores, trata da historia dun neno, príncipe nun planeta sen xente, que un día abandona o seu reino desenganado dunha flor da cal está enamorado. Na viaxe que emprende por distintos planetas coñece sucesivamente a un rei, un vaidoso, un bebedor, un home de negocios, un faroleiro e un xeógrafo. Finalmente chega á terra, onde atopa a unha flor, un raposo, un garda-agullas, un comerciante e un aviador caído no deserto que trata de arranxar a avería do motor do seu avión. O home e o neno falan e fanse amigos, pero o pequeno quere volver ó seu planeta, onde está a súa flor, e déixase morder por unha serpe velenosa. Non é este o episodio menos enigmático e misterioso dun libro que todo el é un puro misterio.
Considerada unanimemente como unha auténtica xoia literaria, en Galaxia, está dispoñible en tapa branda na colección Árbore. Tamén, nunha edición especial máis completa, realizada co gallo de conmemorar os 30 anos da 1ª tradución ao galego.

‘O esencial é invisible aos ollos’, O Principiño

Animádevos a ler, se non o fixestes xa, esta alfaia da literatura! O autor soubo analizar nela temas existenciais coma a perda de valores, o avance tecnolóxico, o amor, a amizade e a importancia da humanidade, que seguen sendo tan actuais hoxe en día.

Comparte nas túas redes sociais ou por email