De volta. Con libros. E sen medo á crise

Categoría: Nova

Dende hai algo máis dun ano, semella que a palabra "crise" é a única palabra que, fixa, ten que aparecer en calquera discurso que pretenda falar da actualidade. E tamén, dende que comezou este 2012, repítese que á volta do verán -ou sexa: xa- a situación vai ser terrorífica. O sector cultural, especialmente castigado por esa crise, ve ameazada aínda máis a súa supervivencia por mor da subida do IVE que, sen afectar directamente ao libro na proporción que o fai noutros eidos da cultura, si que, ao formar parte dese contexto de recensión global, tamén se ve prexudicado.
Neste intre, xa que logo, duro, o que nos toca é apelar ao espírito dos Paco del Riego, Xaime Isla, Otero Pedrayo, Ramón Piñeiro, e de todos aqueles que no seu día inventaron este país, en condicións moitísimo máis duras que as actuais, persecución política incluída, para dicir que imos seguir navegando, amarrados ao mastro como na historia clásica, pero firmes na idea de que, por redundar, este país existe, ten unha cultura de seu, unha estructura empresarial ao seu redor, e todas as ganas de gañar o futuro.
Estamos de volta. Con libros. E sen medo á crise.

Comparte nas túas redes sociais ou por email