De mapas e (outras) coordenadas

Categoría: Opinión



Nunha Kiel cuxo ritmo o marcan as pedaladas das bicicletas, troco o balbordo dos barrios galegos por un silencio amable e azul. Neste norte, as palabras mexicanas e ourensás das que me acollen, axudan a descobrer a cidade que elas están a facer súa, a golpe de adicación e curiosidade. No meu mapa de peto, as marcas de bolígrafo delimitan a Kiel recén coñecida que xa non volverá: a dos carteis do festival Noveau Cinéma Français, a da taberna típica inzada de Erasmus, a do Irish Pub, a da tenda chinesa onde, ao compás coas badaladas das igrexas evanxélicas e protestantes, moven a pata os Maneki-Neko, convidando a mercar unha cunca de porcelana para tomar calquera das infusións do mundo que se mercan preto da tenda “Ideas verdes”. Tras medirlle o azul ao Báltico e sorprenderme coa estatuaria grega que dorme na Kunsthalle, saúdo a unha “nai de día” mexicana que leva en carriños multiplaza a nenos loiros e de ollos azuis e reparo en que este tránsito por mapas de peto e en solitario xa non abonda: aos meus pasos súmolles os da profesora valenciana de ollada cómplice e mediterránea, os da investigadora brasileira con apelido alemán que anda a recuperar as palabras que o seu “pentavó” levara ao Rio Grande do Sul e, nuns días, os dos meus alumnos, que co tempo, reunidos no Oblomov, falarán galego co seu sotaque de Schlewig-Holstein mentres sona a “Disneylandia” de Drexler ou, mellor aínda, a do Arnaldo Antunes cos Titãs.

Comparte nas túas redes sociais ou por email