Convócase o I Premio Xosé Neira Vilas de Literatura Xuvenil

Categoría: Nova, Premio, Premios

A Fundación Xosé Neira Vilas e Editorial Galaxia, coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, co obxectivo de estimular a creación literaria, fomentar a lectura en lingua galega e proporcionar ao público xuvenil obras de calidade que o acheguen aos mundos da ficción e a imaxinación, convocan o presente premio, segundo as seguintes BASES:

1º Poderán concorrer as autoras e autores que presenten os orixinais escritos en lingua galega (de conformidade coas Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego aprobadas pola RAG) de obras de creación literaria adscritas ao xénero de novela e dirixidas ao lectorado xuvenil.

As obras deberán ser inéditas en todos os formatos, xa sexa na súa totalidade ou parcialmente, e non premiadas con anterioridade ou simultaneidade en ningún outro certame.

A extensión dos orixinais abranguerá entre 150.000 caracteres e 300.000 caracteres, incluídos espazos, aínda que o xurado poderá considerar flexible esta condición, conforme á calidade da obra seleccionada.

2º De cada obra presentaranse cinco copias en papel, mecanografadas a dobre espazo, tipografía Times New Roman, corpo 14 e sangría en primeira liña de parágrafo, con índice incluído (de o precisar) e debidamente encadernadas, acompañadas dun USB ou calquera outro soporte informático, onde que se incluirá a obra en formato PDF.

Estas copias deberán presentarse baixo lema, e sen ningún tipo de dato que identidade que o seu autor/a, e achegarase con elas unha plica, nun único sobre pechado, cos seus datos persoais, así como o título da obra.

3º O prazo de recepcións das obras finalizará o día 3 de novembro de 2024, e deberán enviarse á sede administrativa da Editorial Galaxia, Travesía de Vigo 71, 36206 – Vigo.

4º O premio, que poderá declararse deserto, se o xurado estima que ningunha das obras presentadas acada a suficiente calidade literaria, considerará unha única obra gañadora, á que se lle asigna unha dotación económica de seis mil euros (6.000 euros), suxeitos aos correspondentes impostos. Tamén poderá destacar unha obra como nalista e recomendar a súa publicación, se así o considera oportuno, facéndose público o título e autoría, unha vez aberta a plica.

A contía do premio inclúe os dereitos de autor da primeira impresión da obra gañadora. A partir da segunda, a explotación comercial do libro premiado xerará o 10 por cento de dereitos, segundo contrato estándar de edición asinado con Editorial Galaxia, que se encargará da edición e publicación da obra premiada na súa colección Costa Oeste. Así mesmo publicarase en edición dixital, que xerará dereitos de autor dende a primeira descarga.

Se o xurado destacase unha obra finalista, esta será publicada por Editorial Galaxia na colección Costa Oeste, asinando co seu autor/a un contrato de edición estándar rendendo o 10 por cento de dereitos de autor.

5º  Editorial Galaxia terá preferencia durante seis meses, dende a data de resolución do premio, para a adquisición dos dereitos das obras que considere con interese para publicar e que non obtivesen o premio nin fosen finalistas, estando autorizada a abrir as plicas deses orixinais. A publicación da obra farase previa subscrición do correspondente contrato estándar co seu autor/a.

6º  O xurado conformarase por cinco membros de recoñecido prestixio na literatura xuvenil, dous escollidos pola Fundación Neira Vilas, dous por Editorial Galaxia, un dos cales realizará funcións de secretaría, con voz e voto, e un pola Secretaría Xeral da Lingua. A súa composición farase pública no momento da resolución do premio, o 2 de abril de 2025, día do Libro Infantil e Xuvenil.

7º  A participación na convocatoria implica a aceptación das presentes bases e que a súa interpretación corresponde en exclusiva ao xurado, que emitirá o seu ditame con carácter inapelable.

8º As obras non premiadas poderán ser recollidas polos autores/as na sede administrativa da editorial durante un período dun mes; a partir dese prazo serán destruídas.

Comparte nas túas redes sociais ou por email