Convócase o I Premio Xosé Neira Vilas de Literatura Xuvenil

Categoría: Nova

Onte, xoves 5 de setembro, celebrouse, no salón de actos do Pazo de San Roque, en Santiago de Compostela, unha rolda de presentación arredor do I Premio Xosé Neira Vilas de Literatura Xuvenil.

No acto, participaron Valentín García Gómez, secretario xeral da Lingua; Fernando Redondo Neira, presidente da Fundación Xosé Neira Vilas; e Xosé Manuel Soutullo, director xeral de Editorial Galaxia.

Este premio, organizado pola Fundación Neira Vilas e a Editorial Galaxia co apoio da Xunta de Galicia, ten por obxectivo renderlle homenaxe ao precursor do xénero de literatura infantil e xuvenil en galego.

A convocatoria estará aberta ata o 3 de novembro e o galardón está dotado con 6.000 €.

O certame nace na categoría infantil e xuvenil, en memoria de Xosé Neira Vilas, o pioneiro deste xénero en galego coa súa obra bestseller, Memorias dun neno labrego. Este libro, que saiu do prelo da editorial de Follas Novas de Bos Aires en xaneiro de 1961, converteuse na publicación en galego máis traducida e editada da historia. Na actualidade, está publicada no catálogo de Editorial Galaxia, dentro da colección Biblioteca Xosé Neira Vilas.

Esta obra, que segue presente nas escolas e centros de ensino, e entre centos de lectoras e lectores que, aínda hoxe en día, seguen a acubillala con entusiasmo por todo o mundo, conta con 35 edicións e máis de 700.000 exemplares vendidos. Saliéntase tamén por traducións a idiomas como o alemán, inglés, sueco, rumano, ucraniano, búlgaro, esperanto, checo, maia, ruso e, tamén, unha edición en Braille; converténdoo en todo un referente na nosa cultura literaria.

Requitos para participar

Poderán concurrir a este certame as autoras e autores que presenten os orixinais escritos en lingua galega de obras de creación literaria adscritas ao xénero de novela e dirixidas ao lectorado xuvenil. Deberán enviarse á sede administrativa da Editorial Galaxia e a obra gañadora será publicada na colección Costa Oeste. Podedes consultar as BASES aquí.

Comparte nas túas redes sociais ou por email