Conversas, baile e danzas na Feira do Libro de Vigo

Categoría: Nova

Este venres a Editorial Galaxia ten previsto desenvolver un programa moi ambicioso dentro do marco de actividades da Feira do Libro. Tres accións para atender a todos os chanzos de idade e todos os intereses posibles.
Así, ás 20 horas celebrarase o acto titulado ‘A noite no deserto. Un diálogo sobre a novela e a construción da memoria’, con Francisco X. Fernández Naval , autor de ‘A noite branca’, publicado por Edicións Xerais de Galicia e Antón Riveiro Coello, autor de ‘Laura no deserto‘, publicado pola Editorial Galaxia. Actuará como moderador o crítico literario Ramón Nicolás. Na carpa central da feira.
Ao tempo, e dentro da Carpa dos Nen@s onde estamos desenvolvendo a Semana da Música Infantil, recibiremos ao grupo Mamá Cabra, quen dará un concerto en formato acústico titulado 'Bicos de música' e que recolle os temas publicados no libro-disco-DVD do mesmo título.
Unha hora máis tarde, chegará un espectáculo de danza e baile que titulamos PARA QUE NINGUÉN QUEDE SEN BAILAR! OBRADOIRO DE DANZAS TRADICIONAIS, unha actividade de animación e de danza na que se desenvolverán, para todos aqueles que queiran animarse a danzar, algunhas das pezas recollidas no libro 'De roda en roda. Músicas e danzas do mundo'.
Un mollo de actividades interesantes para que ninguén quede sen visitar a Feira do Libro de Vigo.

Comparte nas túas redes sociais ou por email