Publicada na colección Costa Oeste, esta obra supón o debut de Raquel Fernández Fernández en Editorial Galaxia.
Dirixido a público xuvenil, Contas de buxo conta a historia de Lara, unha adolescente que saca boas notas e que nunca dá problemas, pero iso muda cando abandona Gondomar e sobe a un autobús sen lle dicir a ninguén a onde vai. Tras dela, un desengano amoroso, os silencios da súa familia e un león que, sen descanso, a persegue nos seus pesadelos.
Sen saber moi ben como, remata en Ribadeo, unha vila unida estreitamente a aquel último verán que compartiu coa súa nai antes de que esta a abandonase.
Dende alí, coa axuda do seu curmán e, ao mesmo tempo que a familia e a policía a buscan, irá debullando un pasado descoñecido e arrepiante para ela.
A moza, coa praia das Catedrais de fondo, pronto empezará a comprender que as verdades a miúdo non o son tanto.
Raquel Fernández Fernández (Nigrán, 1972). Exerce no sector da restauración como propietaria dun restaurante no Val Miñor. Escribe dende nena e é lectora voraz dende que acorda.
Acadou máis dunha quincena de premios literarios. Entre os que destacan o 1º Premio das Mulleres Progresistas de Vigo, (2017 e 2019), o Certame Literario do Concello de Ames (2020, en Poesía e en Narrativa) e o 1º Premio de relatos a prol da igualdade do Concello de Melide (2021). Resultado destes premios publicou en varias antoloxías.
En 2022 asistiu ao Obradoiro da Escola de Escritores de Editorial Galaxia, onde acadou o pulo necesario para presentar esta súa primeira novela.