“Dakota”, a hospitalidade na neve

Categoría: Nova

Dakota, Premio Victoriano Taibo 2023, de Masha Álvarez, publicado na colección Dombate, é unha audaz xeopolítica do desarraigamento onde se destaca a memoria da infancia, os lazos familiares e os espazos compartidos coas mulleres e homes que precederon a autora.

A poesía acumula puntas de frecha na terra, escava no tempo e a raíz levanta o chan. Masha Álvarez corta as fronteiras políticas e familiares que, como pastores eléctricos, convidan a non pasar. E ela pasa.

Existe un fondo de electricidade, unha alma que se gaña a si mesma meténdose por onde os camiños abertos son case espellismos. O poema é o acubillo das ruínas e a labarada do fósforo. 

Unha acertada descrición da saudade, que revoga os tópicos da emigración cun revelador diálogo interxeracional. Destaca asemade o emprego dunha linguaxe aparentemente coloquial que acaba desvelando un profundo lirismo. Unha obra, en fin, onde os patios representan o espazo sensitivo e familiar onde acubillarse do xeado estrañamento da distancia.

A hospitalidade na neve é este poemario.

Este sábado 16 de marzo, celebrarase, ás 19:30 h, no Auditorio Lois Tobío de Gondomar, o acto de entrega do Premio Victoriano Taibo a Masha Álvarez.

Acompañando a autora, estarán Paco Ferreira, alcalde do Concello de Gondomar; Juan Hermida, director do IEM; Miguel Mouriño, presdiente do xurado; e Marcos Calveiro, director de Edicións de Editorial Galaxia.

O acto contará coa interpretación musical da pianista Lucía Doval, e actuación teatral a cargo da compañía Teatro do Ar.

Masha Álvarez (Vigo, 1983) é licenciada en Filoloxía Inglesa, e exerce como profesora no ensino secundario. Residiu dous anos nos Estados Unidos (Sioux Falls, Dakota do Sur), o que sen dúbida inspirou o poemario gañador do XV Premio de Poesía Victoriano Taibo. 

Compaxina o seu labor profesional cunha carreira musical dentro do grupo Os Residuos Atractivas. Masha, como Yves Berger e John Dunbar, tamén sente a pulsión de ir ver a fronteira, antes de que desapareza.

Comparte nas túas redes sociais ou por email