Conselleiros de Merlín Comunicación

Categoría: Nova

Merlín Comunicación S.L. nace coma unha empresa participada cento por cento pola Editorial Galaxia, mais coa misión de desenvolver novas formas de comunicación na sociedade global: dende exposicións didácticas itinerantes ata produtos audiovisuais e multimedia. Recentemente constituiu en Vigo o seu Consello de Administración, formado polas seguintes persoas:

Presidente: Xaime Isla Couto
Vicepresidente: Benxamín Casal
Secretario: Antón Vidal Andión
Conselleiro Delegado: Manuel Meixide Vecino
Vogais: Ramón Barral, Francisco Campos, Xosé Díaz, Uxío Labarta, Margarita Ledo Andión e Alberto Meixide.
Director Xeral: Víctor Fdez. Freixanes.

Merlín Comunicación presentouse en sociedade en outono de 2005 coa exposición "50 anos con Merlín e familia", conmemorativa do cincuentenario da publicación do libro de Álvaro Cunqueiro. Nese mesmo ano presentou "Travesías", homenaxe ás xentes do mar, que coincidía coa saída da Volvo Ocean Race do porto de Vigo.

Dende entón, Merlín Comunicación veu especializándose en eventos de proxección social e cultural, moitos deles itinerantes e de carácter didáctico, dende a celebración do Día de Europa en Trasalba e no Museo do Pobo Galego, cunha exposición ilustrativa da vocación europeista do galeguismo, ata "120 anos de ciclismo galego", que circulou por todo o país coincidindo coa saída da Volta Ciclista a España no ano 2007, ou a máis recente "Redes de coñecemento", conmemorativa do centenario da constitución da Junta de Ampliación de Estudios (1907), na que participaron numerosos intelectuais e científicos galegos.

Merlín Comunicación está a promover, asemade, varios produtos en soporte audiovisual, entre eles unha homenaxe ao fotógrafo vigués Rafael Llanos, que está a piques de se estrear, e prepara unha estratexia de proxección dixital na Rede dos fondos de Editorial Galaxia e a cultura galega.

Comparte nas túas redes sociais ou por email