Para Aristóteles o poeta expresa o universal da natureza humana e o historiador o particular e relativo. Non sempre é así, pero a historia pon o social por riba do individual e adoita reparar nos grupos humanos e nas súas estruturas. A literatura detense máis na vida privada do home, no fragmentario e anecdótico, que nunca foron preocupación da historia. Case nunca se pode probar documentalmente a vida privada, pero o novelista si recrea eses intres e mesmo viste a pel do personaxe histórico e pensa por el, acción que se lle nega ao historiador referencial. O escritor é quen de afondar na conciencia dos personaxes, de tocarlles a alma, de insuflarlles unha vida interior. Tras un proceso intuitivo, imaxina a súa intimidade latente, vive os seus conflitos cunha intensidade que non está ao alcance do historiador. Para este, esas condutas secretas fican fóra da súa disciplina; se o fai estaría ignorando as regras da historia. Velaí, pois, un dos poderes da literatura que, ao dicir de Balzac, fai da novela a historia privada das nacións.