"Descubrín a biblioteca de Fermín Penzol nos primeiros anos 50, en Madrid, antes de que se constituíse a Fundación que leva o seu nome. Cheguei á súa casa da man de Ben-Cho-Shey. Alí estaban os tesouros dos libros galegos". O profesor Xesús Alonso Montero disertou sobre bibliofilia galega, centrando a súa intervención en dúas figuras paralelas: Antonio Rey Soto e Fermín Penzol. A este último está dedicada a exposición que estes días se pode visitar na Casa Galega da Cultura, en Vigo, homenaxe a un dos fondos máis importantes da cultura galega contemporánea e o galeguismo, constituido en 1963 na órbita de Editorial Galaxia.
"Os fondos da Biblioteca Penzol son fundamentais para o estudo da cultura galega do noso tempo, é un dos espazos onde a nosa xeración descubriu Galicia, en tempos escuros e difíciles".
A intervención do profesor Alonso Montero centrouse na bibliofilia como unha forma de descubrir Galicia. Dende moi novo, Fermín Penzol, rexistrador da propiedade, membro do Partido Galeguista na clandestinidade e das Mocedades Galeguistas antes da guerra civil, dedicou a súa vida e a súa fortuna persoal a reunir documentos, libros, fondos arquivísticos relacionados coa lingua e a cultura de Galicia.
Penzol buscaba fondos nas librerías de vello e competía con outros bibliófilos da época, entre eles Antonio Rey Soto e Armando Cotarelo Valledor. A biblioteca de Rey Soto, hoxe depositada no mosteiro de Poio, reúne importantes fondos máis ben do XV, XVI, XVII e XVIII. Os fondos de Fermín Penzol céntranse principalmente no XIX e no século XX.
"En Madrid, Penzol reunía libros, folletos e documentos, nun esforzo por recuperar a memoria histórica de Galicia, consciente de que só dende o coñecemento do pasado poderíamos pensar no presente e afianzar a información necesaria para soñar un proxecto de futuro. Así nos incorporamos os máis novos á consciencia do galeguismo. Para Penzol, o libro galego era unha forma de patriotismo, un xeito de construir o futuro de Galicia".
Na Casa Galega da Cultura os visitantes teñen acceso a un dos capítulos máis emocionantes e xenerosos da historia da cultura galega contemporanea. Nunha serie de paneis e mesas expositoras amósanse os fondos da Fundación, que se recollen na publicación "Fermín Penzol. Unha obra para un país", coordenada polos comisarios Henrique Monteagudo e María Dolores Cabrera.