Como coa comida feita a lume manso

Categoría: Opinión

Lembro cando hai anos o auténtico frenesí do xornalismo estaba apenas condicionado pola hora de peche da edición. Facíase de madrugada, a maioría das veces cos protagonistas da nova xa a durmir. Malia todo, a actualidade marcábaa basicamente ese ritmo demorado do diario. Hoxe queremos vivir na maior inmediatez, na pretensión inútil que nos fai concebir a ilusión de que coñecemos ao momento o que pasa en todo o mundo.
Na edición o proceso foi polo mesmo camiño. Non hai tantos anos, os libros duraban meses sen perder actualidade, elaborados devagar polo creador e sometidos a un longo proceso editorial e de achegamento aos lectores, que recibían información do libreiro-lector e do boca a boca. Un escritor non podía soñar con repetir publicación salvo á volta de moito tempo. Agora chegamos ao disparate de obras xurdidas sen ningún pouso que poden mesmo non estrearse nos andeis das librarías.
Nestes días volvín a textos meus de «Astra o confín» (1982) para incorporalos a unha edición tamén revisada e acrecentada de «Corazón entre desertos» que chegará ás librarías antes de rematar o mes. Peneirar a fondo algo que no seu momento din por bo e que non o era tanto. E tiven a sensación de atoparme por primeira vez, na reelaboración lenta e traballosa, cun pracer que deica agora sempre fora unha tortura cando tivera a obriga de me reler. Coa axuda de bos amigos, e como coa comida feita a lume manso, procurei nese labor a satisfacción de chegar a un bocado gorentoso. Quizais era o único camiño para alcanzar o corazón con historias que procuran a razón da felicidade nas pequenas cousas da vida. Co paso dos días, igual hai que remexer o pote unha e mil veces máis.

Comparte nas túas redes sociais ou por email