Comezan as Feiras do Libro

Categoría: Nova

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, e o presidente da Federación de Libreiros de Galicia, Xurxo Patiño, presentoron onte en rolda de prensa o calendario das dez Feiras do Libro de Galicia para este ano 2010. Dá comezo así a tempada de feiras ou, o que é o mesmo, iníciase unha das máis fermosas liturxias que, na véspera do Día do Libro, nos congrega ao redor do libro.
En total serán dez as feiras que se celebrarán por todo o país: Ferrol, Santiago, Lugo, Ourense, Vigo, Cangas, A Coruña, Viveiro, Foz e Monforte. O ano que ven, sen dúbida, terase que facer un esforzo aínda meirande na medida en que se cumprirán 40 anos deste tipo de eventos culturais.
Como noutras ocasións, as Feiras buscan ser máis atractivas e aumentar notablemente o número de participantes a través dun ambicioso programa de actividades literarias, musicais, teatrais e humorísticas.

As Feiras do Libro levan desenvolvéndose desde hai 39 anos na nosa Comunidade promovidas pola Federación de Libreiros de Galicia, e na actualidade baixo a co-dirección e patrocinio da Consellería de Cultura e Turismo a través da Dirección Xeral de Promoción e Difusión Cultural. As Feiras do Libro permiten potenciar toda a actividade literaria galega, ofrecendo as novidades en diversos soportes e presentando obras de ámbito internacional traducidas ao galego. Desde o punto de vista divulgativo, as Feiras convértense no principal escaparate anual para a difusión cultural e para a contribución ao fomento da lectura.
No seu conxunto, para as 10 Feiras do Libro de Galicia realizarase unha montaxe de 3.500 metros cadrados de exposición, incluíndo os espazos de exposición e de actividades. Deles, estímase que 2.000 metros cadrados se dedicarán ás carpas de actividades que, en todas as prazas, acollerán as actuacións, concertos, mesas redondas e presentacións de libros, entre outras. As carpas, unha por localidade, garantirán a celebración da programación prevista con independencia das variacións climatolóxicas. No caso concreto de Santiago de Compostela prevese a instalación dunha carpa para cubrir a totalidade da zona central do Paseo da Alameda, de ata 900 metros cadrados.
Pola súa parte, a zona de exposición de libros contará no conxunto das Feiras coa participación de 150 librerías, editoriais e entidades vinculadas ao contorno do libro. Como elementos comúns a todas as Feiras haberá unha Caseta de Secretaría e Información, desde a que se coordinará o desenvolvemento dos certames; e outra destinada a promocionar a lectura e conmemorar o Ano do Libro e da Lectura, coordinada pola Dirección Xeral de Promoción e Difusión Cultural e a Federación de Libreiros de Galicia.
Hoxe mesmo, no Cantón de Ferrol, comeza a XXI Feira do Libro de Ferrol.
Programación de actividades
Desenvolveranse 10 programas de actividades, un específico por cada feira, que suman un total de 68 xornadas con actuacións. Mobilizaranse, no seu conxunto, ao redor dunha vintena de actores, músicos, humoristas, magos, contacontos e monitores de actividades de tempo libre. Dramatizaranse obras de teatro infantil, interpretaranse pezas de música clásica, realizaranse espectáculos de maxia, contaranse contos, recitarase poesía e incentivarase a participación en obradoiros. Estas actividades e espectáculos, que están dirixidas ao un público heteroxéneo, teñen como obxectivo o fomento do libro e da lectura, e dun xeito máis xeral, a divulgación cultural.

CALENDARIO DE FEIRAS DO LIBRO PARA O ANO 2010

Ferrol, do 21 de abril ao 25 de abril Cantón de Molíns

Santiago, do 1 de maio ao 9 de maio Paseo Central da Alameda

Lugo, do 15 de maio ao 23 de maio Praza Maior

Ourense, do 29 de maio ao 6 de xuño Rúa do Paseo / Praza Bispo Cesáreo

Vigo, do 2 de xullo ao 11 de xullo Praza de Compostela

Cangas do 21 de xullo ao 25 de xullo Alameda de Soage

A Coruña, do 1 de agosto ao 10 de agosto Xardíns de Méndez Núñez

Viveiro, do 13 de agosto ao 16 de agosto Xardíns de Noriega Varela

Foz, do 19 de agosto ao 22 de agosto Praza do Conde de Fontao

Monforte, do 25 de agosto ao 28 de agosto Rúa Cardeal

Comparte nas túas redes sociais ou por email