Ramón Villares, reelixido presidente do Consello da Cultura Galega

Categoría: Nova

O Plenario do Consello da Cultura Galega reelixiu onte, por unanimidade dos presentes, a Ramón Villares como presidente da institución para un segundo mandato (2010-2014). A súa foi a única candidatura presentada logo de cumprido o primeiro mandato (2006-2010). Nas súas primeiras declaracións ós xornalistas Ramón Villares expresou o agradecemento ós membros do Plenario e o recoñecemento ó traballo desenvolvido desde o 2006 pola Comisión Executiva, que permitiu, entre outras cousas executar o noventa por cento do orzamento previsto. Aludiu tamén ós obxectivos de seguir facendo do CCG un laboratorio de ideas, amais das súas funcións asesoras e consultivas, e de continuar traballando a prol dunha maior proxección exterior da cultura galega.
O trámite seguinte, se así o considera o Parlamento de Galicia, será a comparencia de Ramón Villares na Cámara, posibilidade contemplada no Regulamento do CCG como expresión de boas prácticas institucionais. Deseguido producirase o nomeamento oficial no Consello da Xunta de Galicia, a proposta do Conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, vocal do Plenario e que estivo presente na votación celebrada esta tarde.

PERFIL BIOGRÁFICO
Ramón Villares Paz naceu en 1951. É catedrático de História Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela desde 1987 e Presidente do Consello da Cultura Galega desde abril de 2006. Foi reelixido para este cargo o 20 de abril de 2010.
Foi decano da Facultade de Xeografía e Historia no período 1986-1990, rector da Universidade de Santiago de Compostela entre 1990 e 1994 e membro fundador e presidente da Asociación Española de Historia Contemporánea(1996-2002).
Foi director en Galicia da Universidade Internacional Menéndez Pelayo (1997-2005) e, desde 2006, é membro numerario da Real Academia Galega. Tamén pertence a varios patronatos de centros e fundacións (Museo do Pobo Galego, Fundación Juana de Vega, Fundación Luis Seoane ou Centro Galego de Arte Contemporánea, entre outros)
É autor de numerosas publicacións, entre as que destacan libros como La propiedad de la tierra en Galicia, 1500-1936, Siglo XXI Editores, Madrid, 1982, Foros, frades e fidalgos, Estudos de historia social de Galicia, Edicións Xerais, Vigo, 1982, Galicia. A Historia, Editorial Galaxia, Vigo, 1984 (con versión en lingua española e portuguesa), Figuras da nación, Edicións Xerais de Galicia, Vigo, 1997 e El mundo contemporáneo, siglos XIX y XX, Editorial Taurus, Madrid, 2001 (en colaboración con Angel Baamonde) ou Fuga e retorno de Adrián Solovio. Sobre a educación sentimental dun intelectual galeguista, Fundación Otero Pedrayo/Real Academia Galega, 2007. Desde 2007 codirixe, con Josep Fontana, unha Historia de España (Critica/Marcial Pons) na que é autor (con Javier Moreno Luzón), do volume 7, Restauración y Dictadura, 2009.
Desde 1988 ten dirixido ou coordenado varios proxectos de investigación logrados en convocatorias competitivas, sobre temas de historia agraria, historia cultural e historia política.
Tamén é avaliador de proxectos para diversas axencias de investigación científica en España e Portugal.

Comparte nas túas redes sociais ou por email