Escoller onde buscar

Comezan as campañas de Galaxia para o ensino

Categoría: Nova

O pasado venres, a subdirectora xeral de Planificación e Dinamización Lingüística da secretaría, Cristina Rubal, e mais o coordinador de Novos Proxectos da Editorial Galaxia, Francisco Castro presentaron as dúas campañas ideadas por Galaxia para o programa da Secretaría Xeral, Bocaberta, 'En galego, por que non?' dirixida a alumnos de Bacharelato e 'Monicrequeando' para os alumnos de Primaria.
O proxecto de Galaxia, dirixido a nenos e mozos, pon en marcha, por unha banda, a campaña 'Move os fíos da lingua', a través do programa 'Monicrequeando'.
Ademais dun espectáculo que desenvolve a compañía Matapiollos, no que toman parte monicreques e actores, 'Monicrequeando' agasallará os rapaces cun libro que contén a historia 'Rato Pincho' de Gloria Sánchez e o manual 'Monicrequeamos' elaborado por Carme Domech, no que se lles aprende aos máis pequenos a construír monicreques cos materiais que poden atopar pola casa. Galaxia deixará un teatriño nos centros nos que se realicen as actividades para que tamén os rapaces poidan representar a obra, o cal constitúe unha forma de seguir traballando coa lingua.
O segundo proxecto da Editorial Galaxia vai dirixido ao alumnado de secundaria (ESO e bacharelato). Trátase da campaña 'En galego, por que non?', na que se insire a obra teatral 'Comedia bífida', de Manuel Núñez Singala en versión de Nobicarelo Teatro. Cada un dos rapaces e rapazas que asistan á representación recibirá como agasallo a obra do mesmo autor 'En galego, por que non?' coa que Galaxia inicia a colección Biblioteca de Intervención Social / Didáctica.

Comparte nas túas redes sociais ou por email