Mañá comeza o Obradoiro, con Inma López Silva, da Escola de Letras, en Pontevedra

Categoría: Nova

Onte presentamos o primeiro Obradoiro da terceira edición da Escola de Letras, da Deputación de Pontevedra e a Editorial Galaxia, con Inma López Silva, en Vigo. Mañá, celebrarase na cidade de Pontevedra.
A capital provincial será a encargada de acoller o segundo obradoiro desta edición da man dunha das escritoras máis destacadas do panorama actual. O novo alumnado terá a oportunidade de aprender, dunha maneira práctica e dinámica, do grandísimo talento de Inma López Silva.
As sesións celebraranse os días 10, 17 e 24 de febreiro; 3, 10, 17, 24 e 31 de marzo, no Salón de actos do Edificio Administrativo Deputación Provincial, en Pontevedra (Avda. Montero Ríos, s/n), en horario de 18 h a 20 h.

En cada unha das clases, as alumnas e alumnos traballarán as ferramentas estruturais do relato, desde cuestións argumentais e estilísticas, ata o tratamento dos personaxes, tempos e espazos.
Novelista, ensaísta, crítica teatral e columnista de prensa, é autora dunha ampla obra literaria que foi recoñecida cos premios Xerais, Blanco Amor, San Clemente, Losada Diéguez e Francisco Fernández del Riego. Como narradora, cultivou o xénero breve en libros como Rosas, corvos e cancións (2000) e Tinta (2012), así coma o ensaio feminista en New York, New York (2007), Maternosofía (2013) e o polémico Chámame señora, pero trátame coma a un señor (2018). Tras o éxito de aclamadas novelas como Memoria de cidades sen luz (2007) e Aqueles días en que eramos malas (2016), Galaxia publica en 2020 O libro da filla, Premio da Asociación de Críticos Literarios.
Dende a Editorial Galaxia e a Deputación de Pontevedra, abriremos durante estes meses o período de inscrición para os vindeiros cursos. Anunciaremos as datas de matriculación dos mesmos a través da nosa páxina web e redes sociais.
A Escola de Letras da Deputación de Pontevedra e Editorial Galaxia é a primeira de Galicia e un dos poucos proxectos deste tipo existentes no Estado español. A iniciativa, que naceu o pasado ano 2020, busca fomentar o talento na provincia e xerar un espazo de encontro entre autoras e autores consagrados e persoas amantes da literatura galega, a través dun variado abano de obradoiros , de novela, relato ou poesía, para todas as idades.

Comparte nas túas redes sociais ou por email