Bebedeira, Galicia infinda e O soño do guieiro, son os libros de poemas que publicou o autor e que agora Galaxia recupera co gallo de ser o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2022.
Este ano, Galicia réndelle homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán dedicándolle o Día das Letras Galegas 2022. Galaxia, contribúe nesta causa incluíndo, nas súas novidades editoriais do primeiro trimestre, os seus tres poemarios: Bebedeira, Galicia infinda e O soño do Guieiro. Ao mesmo tempo, publicaremos o libro Florencio Delgado Gurriarán: vida, obra e antoloxía, de Xesús Alonso Montero e Vida e obra dun poeta valdeorrés, republicano e galeguista, de Ricardo Gurriarán, publicado oricinalmente en 1999 e agora recuperado por Galaxia.
As obras asinadas polo homenaxeado, que serán publicadas na colección Letras Galegas Clásicos, son reeimpresións que a editorial rescata para poñer en valor o seu legado. Bebedeira, que foi publicada en 1934 pola Editorial Nós, consta de trinta e dous poemas, dos que algúns deles xa viran a luz en revistas e xornais, onde a natureza adquire características de personaxe central, en poesías totalmente sensoriais e evocadoras da cosmogonía valdeorresa. Este poemario constitúese como o máis importante do hilozoísmo galego.
Galicia infinda é unha colleita de poemas a través de vinte anos de traballo de Florencio Delgado Gurriarán, onde as tres primeiras partes recordan o estilo animista de Bebedeira. Nesta obra xa se comeza a apreciar, nas últimas partes, mostras de poesía civil e temática galega.
A súa influencia mexicana tamén é notable, con novas poesías cun ton distinto e con trazos da cultura mexicana e da música do país.
En O soño do guieiro, recóllense, nun homenaxe ao seu amigo e compañeiro político, Castelao, poemas de corte social e reivindicativo, publicados durante a República, a guerra e o exilio.
Estas obras, completan a aproximación á vida e obra do poeta valdeorrés, xunto con Florencio Manuel Delgado Gurriarán. Un legado infindo, publicado na colección Lectura Fácil, da autoría de Lucía Gómez Álvarez.
Unha obra con pictogramas para achegar a todas e todos o labor cultural do homenaxeado nas Letras Galegas 2022.
Florencio Delgado Gurriarán, avogado de formación, foi poeta, articulista, pioneiro da tradución poética interlingüística, editor literario e home ponte entre a Galicia exiliada en México e a Galicia interior, capaz de tecer asemade vínculos coa intelectualidade doutras orixes. Foi tamén un extraordinario activista cultural, promotor de iniciativas como o Padroado da Cultura Galega en México (creado en 1953), a revista Vieiros –da que foi director xunto con Carlos Velo e Luís Soto–, a audición radiofónica “Hora de Galicia”, que estivo en antena todos os domingos durante case dúas décadas, e doutras publicacións de carácter político e cultural. Por iso o seu Día das Letras Galegas será tamén unha homenaxe serodia a todo o exilio mexicano, cuantitativamente menor có arxentino pero dunha importancia igualmente capital.
O autor, membro moi activo do Partido Galeguista de Valdeorras, chegou a México tras lograr escapar a través de Francia no ano 1939. Fíxoo a bordo do Ipanema, un dos barcos que levaron os refuxiados españois a América e no que fuxiron tamén, entre outros, Roxelio Rodríguez de Bretaña, Andrés Valín, Carlos Tomé, Johán López Durá, Serafín Ferro ou o mencionado Elixio Rodríguez. Unha vez en América mantería o compromiso cívico e cultural que dende moi novo o achegara tamén ás Irmandades da Fala e ao Seminario de Estudos Galegos, do que fora socio protector.