Unha data que nos lembra que aínda queda moito por facer para acadar unha igualdade real en todos os eidos, especialmente, no da ciencia.
A igualdade de xénero e o empoderamento son fundamentais para que as mulleres e as nenas, que serán as científicas do futuro, poidan contribuir decisivamente neste ámbito. Espazo no que aínda, a pesar dos avances actuais, é moi común atopar obstáculos para desenvolver unha carreira profesional, de maneira equitativa.
A defensa dos nosos dereitos é algo que levan loitando, dende moi atrás, as nosas pioneiras. O resultado dos seus esforzos é a nosa realidade actual. Sería impensable cuestionar o dereito das mulleres á educación, a ter unha carreira universitaria… pero o certo é que non sempre foi así. Ser muller sempre foi algo difícil. Abrirse camiño profesionalmente, aínda máis. E moi en especial en sectores, aínda a día de hoxe, moi masculinizados, como o da investigación científica.
Dende a Editorial Galaxia defendemos a igualdade e loitamos por ela, a través das nosas publicacións. Exemplo disto é a colección Feminismos, a través da cal, queremos apoiar as mulleres na ciencia. Con este fin, publicamos libros como Pioneiras da ciencia en Galicia, de Manuel Rey Pan e Eduardo Rolland.
Unha obra que aborda o papel xogado polas pioneiras da ciencia no noso país. Conta, pois, a súa epopea para ser tomadas en serio nese mundo de homes en tempos, incluso, en que se dubidaba da capacidade intelectual das mulleres para poder entender as máis básicas cuestións da vida. No camiño que aínda nos queda por percorrer para chegar a esa igualdade, tamén no eido científico, as mulleres que aparecen neste libro resultaron esenciais.
Investigadoras, teóricas, estudosas… todas elas puxeron as bases para que hoxe unha investigadora non sexa unha rareza dentro dun laboratorio…
Hoxe recomendamos esta lectura e invitamos a todas as nenas e mulleres a que loiten polos seus soños. Xuntas, facemos camiño.