Chega o Samaín

Categoría: Nova

Nesta ponte de finais de outubro e comezos de novembro, celébranse nas cidades e vilas de todo o o país, a festa do Samaín, que non do Halloween. O matiz é importante porque non son estritamente falando o mesmo, a pesar de que nos últimos tempos a denominación estadounidense vai gañando terreo e este ano a última moda entre a rapazada é disfrazarse de bruxas e esqueletes e ir polas portas repetindo, como nas películas que chegan de Hollywood, iso de "truco ou trato?".
Dende Galicia reivindicamos o Samaín, esta felta de orixe celta que de sempre se celebrou no noso país e que nos últimos tempos está a ser recuperada. A súa orixe haina que situar, como dicimos, no mundo celta. Logo, coa chegada e instauración do cristianismo, converteuse no Día de Todos os Santos mais, en realidade, é a celebración do Ano Novo Celta, o día no que as almas dos defuntos atravesan a fronteira que os separa do mundo dos vivos e visitan os domicilios dos familiares para quentarse ao carón da lareira e alimentarse unha vez máis.
Dende o inicio, a rapazada celebrou a festividade fabricando cabazas cunha candea dentro para poñerlle medo á xente que as atopaba nos camiños.
Hoxe, neste tempo no que a luz eléctrica chegou a todas partes e xa non hai corredoiras escuras que poñan medo, celebramos dende a diversión e a festa estas noites dos mortos e do alén.
Para que os pequechos e pequechas saiban en que consiste a celebración, hai un tempo publicamos un título do mesmo nome, no que a ilustración de Jacobo Fernández Serrano e unha serie de preguntas para orientar aos primeiros lectores, convirten o libro, en formato acordión, nunha interesante maneira de achegarse ao noso Samaín, que non ao Halloween.

Comparte nas túas redes sociais ou por email