Conversa entre Larpeiros en Moaña

Categoría: Nova

O cociñeiro Benigno Campos está xa a percorrer o país para dar a coñecer o seu novo libro de receitas, Volve a cociña de Larpeiros. Hoxe mércores día 31 estará no Bar con Uve, en Abelendo (Moaña) para manter unha 'Conversa entre Larpeiros' con Xulio Amigo, director comercial de Galaxia.

Con este terceiro libro, as lectoras e lectores de bo padal poderían, sumando as receitas dos dous libros anteriores (A cociña de Larpeiros e Novas receitas da cociña de Larpeiros), dispor de pratos para todos os días do ano sen ter en ningún momento unha sensación de rutina. A amplísima variedade de produtos e xeitos de preparalos completan un extraordinario catálogo gastronómico.

Na cociña, a suma de ingredientes non dá sempre o mesmo resultado. Algo misterioso ocorre nas cazolas para que o mesmo prato non saiba igual aínda que dúas persoas dean os mesmos pasos na súa preparación. Ese misterio é a "man" de cada cociñeira e de cada cociñeiro. E nesta nova entrega o autor revélanos 30 segredos da súa "man" para que os seus seguidores poidan achegarse ao saboroso resultado que logra Benigno Campos coas súas preparacións. Eses pequenos, mais imprescindibles consellos que dan o punto final a cada prato.

Os larpeiros están en boa hora!

Comparte nas túas redes sociais ou por email